• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Xunta de Goberno outorga 121.500 euros en subvencións municipais a entidades e deportistas individuais

24/07/2018

Na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada no día de hoxe foron adxudicadas as subvencións municipais ás asociacións culturais e educativas, clubs deportivos e Anpas para o desenvolvemento de actividades de interese xeral, así como aos deportistas locais de maior éxito –a niveis provincial, autonómico, estatal e internacional- nas diferentes disciplinas.

Son corenta entidades (a totalidade das que concorreron ao procedemento) e dous deportistas individuais os que se beneficiarán desta liña de axudas, dotada polo Concello da Laracha con 121.500 euros, partida que foi blindada nos orzamentos do exercicio en curso. Cabe lembrar que as axudas municipais ás Comisións de Festas non se inclúen neste programa, senón que se abonan por medio de subvencións nominativas.

O acordo foi tomado pola Xunta de Goberno Local a proposta da Comisión de Valoración, encargada de analizar as solicitudes presentadas e de establecer as axudas en base aos diferentes criterios estipulados na convocatoria. Valorouse a actividade permanente de cada asociación, número de eventos organizados, cantidade de persoas participantes e, no caso dos clubs deportivos, a existencia de categorías inferiores e a cifra de fichas federativas, entre outras pautas. 

Este importante esforzo económico soamente é unha parte da colaboración do Concello da Laracha con estes clubs e asociacións, aos que tamén se presta un continuo apoio organizativo no deseño e o desenvolvemento das súas actividades, cedendo ademais, en moitos casos, instalacións de titularidade municipal de xeito totalmente gratuíto.

O Concello da Laracha realiza unha destacada aposta económica anual con fondos propios municipais, mostrando o seu pleno interese polo asociacionismo e o desenvolvemento de actividades culturais, educativas e deportivas de interese xeral. O labor que as entidades levan a cabo co apoio municipal son fundamentais para resaltar os nosos aspectos culturais de máis relevancia, potenciar os hábitos de vida saudables a través da práctica deportiva, cooperar na educación dos nenos e ofrecer alternativas de ocio dirixidas a fomentar as relacións sociais entre os veciños e evitar posibles riscos de exclusión social.

Por outra banda, na Xunta de Goberno Local tamén foron aprobados con carácter inicial dous expedientes de expropiación de terreos en Caión. Un deles ten por finalidade completar a adquisición da totalidade das parcelas afectadas polo sistema xeral de paseo marítimo, situándose ditos terreos xunto á área verde existente nas inmediacións do aparcamento principal da praia. Isto permitirá mellorar as infraestruturas públicas existentes, con maior espazo de esparexemento e facilitando os accesos ao areal e ao paseo marítimo.

O outro expediente de expropiación refírese aos terreos afectados polo proxecto de mellora dos accesos principais á praia desde a Avenida da Laracha, onde o Concello ten proxectada a ampliación do sistema xeral viario para reforzar a seguridade creando unha senda peonil e aumentando a plataforma da calzada, que pasará a ter un carril para cada sentido de circulación.

Entre ambos expedientes o Concello da Laracha investirá preto de 20.000 euros na adquisición de dezanove parcelas que suman unha superficie de 3.657 metros cadrados. Despois da aprobación inicial, someteranse a un período de exposición pública antes de elevala a definitiva.

Salientar tamén que na sesión de hoxe foron concedidas dúas licencias urbanísticas para a construción doutras tantas vivendas unifamiliares.