Concello
O Concello e a Xunta de Galicia investirán este verán 100.000 euros na mellora dos centros escolares
21/07/2018
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a edil delegada da área de Ensino, Patricia Bello, mantiveron unha reunión de traballo co xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, na sala de xuntas do Concello. Neste encontro definíronse as actuacións prioritarias para levar a cabo durante o verán nos tres centros de educación infantil e primaria do municipio co obxectivo de mellorar as instalacións de cara ao curso escolar 2018-2019, que comezará no mes de setembro. O investimento a realizar durante o verán entre ambas administracións situarase en torno aos 100.000 euros.
No CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha, o colexio de maior importancia tendo en conta as cifras de alumnos, promoverase a eficiencia enerxética substituíndo todas as luces por outras de LEDs, actuación respectuosa co medio ambiente e que, ao mesmo tempo, será economicamente sostible ao levar consigo un aforro no consumo eléctrico. Ademais, será renovado o pavimento –coa correspondente pintura dos campos de xogo- das dúas pistas exteriores existentes no recinto do colexio e tamén será acondicionado como zona verde o espazo situado pola parte posterior do pavillón polideportivo, contemplándose a instalación dun invernadoiro para uso da comunidade educativa.
En canto ao CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, as obras centraranse na mellora da beirarrúa de acceso ao colexio desde a rúa A Porta Santa e tamén a existente no interior do recinto. Así mesmo, será renovado o pavimento do patio situado xunto á entrada principal, lugar empregado polos alumnos durante o horario lectivo e ao que acceden para manobrar os buses do transporte escolar ao inicio e ao remate de cada xornada. Tamén o parque infantil será obxecto dunha intervención no seu pavimento e no peche perimetral despois de terse substituído recentemente os xogos deste equipamento.
Por último, no CEIP de Caión a intervención máis importante realizarase na pista polideportiva renovando o pavimento e completándose a actuación co seu pintado, a construción dun peche novo e a renovación dun sector do muro perimetral e da malla de seguridade. Tamén será pavimentado no interior do centro o espazo fronte á entrada principal, repararase a cuberta e remodelaranse unha das aulas e os aseos da planta baixa.
Salientar tamén que nos tres colexios realizaranse outras intervencións puntuais de menor entidade –pintado de aulas, mantementos, etc.- para a posta a punto das instalacións e que estean en perfectas condicións para iniciar a actividade en setembro.
Todas estas actuacións son posibles grazas á cooperación e coordinación entre o Concello da Laracha e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Faranse en consenso tanto cos equipos directivos como coas comunidades educativas dos centros.