• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A brigada medioambiental municipal actúa no acondicionamento da Praza da Areosa de Vilaño

18/07/2018

A Praza da Areosa de Vilaño, unha ampla infraestrutura pública no que se sitúan tanto a igrexa de Santiago como o centro sociocultural desta parroquia, está a ser obxecto dunha completa intervención por parte da brigada medioambiental municipal. As actuacións que se están a desenvolver consisten na limpeza do espazo, o podado dos setos e arbustos, adecuación do céspede e mantemento das árbores existentes no lugar. Neste lugar hoxe recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e do tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, que acudiron para interesarse polos traballos que se están a acometer.

Antes da actuación en Vilaño esta brigada xa actuara en diferentes puntos da vila de Caión, centrándose especialmente nos espazos verdes e nos aparcamentos máis próximos á entrada principal á praia das Salseiras.

Tamén realizou intervencións nos cascos urbanos das vilas da Laracha, Paiosaco e Caión, onde levaron a cabo actuacións de limpeza e mantemento nas beirarrúas. 

Este equipo de traballo está formado por catro persoas que foron contratadas por un período de nove meses no marco do programa Aprol Rural, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Durante este tempo a súa función é levar a cabo actuacións de mantemento, conservación e valorización das zonas verdes municipais.

Coa creación desta brigada medioambiental o Concello da Laracha e a Xunta de Galicia pretenden o dobre obxectivo de xerar postos de traballo ao mesmo tempo que se dispón de persoal cualificado para o desenvolvemento de actuacións de interese xeral para a cidadanía, como é a posta das zonas verdes públicas do termo municipal da Laracha.