Concello
O Concello mellora o pavimento e reforza a seguridade viaria en catro rúas da capital municipal
16/07/2018
O Concello da Laracha comezou a executar o proxecto dirixido a mellorar o pavimento e reforzar a seguridade viaria en catro céntricas rúas do casco urbano da capital municipal.
Os primeiros punto de actuación son as rúas Ricardo Álvarez Amor e Gonzalo de la Fuente Astray (paralela á Avenida de Caión), situadas moi preto da Praza do Concello. Nestas dúas rúas, nas que existen vivendas e a locais comerciais, estase a acometer a nova pavimentación con aglomerado asfáltico en quente. Posteriormente será dotada coa correspondente sinalización vertical e horizontal.
A continuación intervirase na rúa Manuel Antonio Barreiro Barbeito (precisamente, a que comunica a AC-552 coas dúas rúas que están a ser pavimentadas) e tamén no ramal de acceso ao complexo deportivo do Campo Municipal da Laracha e o cemiterio novo de Torás. En ambos a actuación consistirá na sinalización horizontal, incluíndo as marcas viarias, prazas de aparcamento, vaos, cebreados, etc.
Neste proxecto o Concello da Laracha inviste 43.000 euros procedentes integramente de fondos propios municipais.