• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello creará dous parques biosaudables nos cascos urbanos da Laracha e de Caión

10/07/2018

O Concello da Laracha iniciará nesta semana os traballos de creación de dous parques biosaudables de similares características, un deles en Caión e o outro, no casco urbano da Laracha.

O de Caión será instalado no paseo marítimo á altura da rúa Campo da Ínsua, unha área do casco urbano da vila moi próxima ao colexio de educación infantil e primaria, ao consultorio médico e biblioteca municipal. Precisamente ata aquí se desprazaron esta mañá o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras Públicas, Jesús Souto, para reunirse cos responsables da empresa que executará o proxecto.

O da Laracha será creado no parque Maximino Canedo, que o Concello está a renovar, mellorar e modernizar nos últimos meses. Recentemente fora acondicionada unha pista multideportiva de uso libre.

Ambos parques biosaudables constarán do mesmo circuíto, estando equipados con xogos tipo bicicleta, esquí, balanza, xiro de cintura, patíns e temón. Tamén contarán con carteis informativos coas instrucións de uso de cada un dos elementos avaladas por médicos rehabilitadores e fisioterapeutas.

Con estes novos equipamentos o Concello da Laracha pretende fomentar os hábitos saudables e  dinamizar e ofrecer novos usos sociais e deportivos a dous espazos ao aire libre nos núcleos urbanos da Laracha e de Caión con posibilidades de disfrute por parte da veciñanza. Os parques biosaudables serán aptos para o seu uso por todos os públicos, mozos e maiores, e incrementarán tanto a calidade das infraestruturas municipais como as posibilidades para a cidadanía de practicar actividades deportivas e de ocio.

Nestes dous proxectos o Concello da Laracha investirá máis de 25.000 euros a financiar integramente con fondos propios municipais.