• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

APROBADA CON CARÁCTER DEFINITIVO A INCLUSIÓN DA PRAZA DE ANIMADOR/A CULTURAL NA RPT

03/02/2016

Na sesión ordinaria do Pleno da Corporación correspondente ao mes de xaneiro celebrada o 29 de xaneiro acordouse, coa única abstención do grupo mixto (Terra Galega), a aprobación con carácter definitivo da incorporación á relación de postos de traballo (RPT) da praza de animador/a cultural.   

A continuación, e en cumprimento da lexislación vixente, deuse conta ao Pleno das 189 resolucións da Alcaldía ditadas entre o 20 de novembro de 2015 e o 25 de xaneiro de 2016, das que xa se remitira a relación detallada aos portavoces dos diferentes grupos políticos aos efectos de control e fiscalización dos órganos de goberno.  

A sesión foi presidida polo tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, -tras escusar a súa ausencia o alcalde, José Manuel López Varela- que antes de comezar deu a benvida a Ruth Presas, nova Interventora da Corporación municipal en comisión de servizo. Tamén felicitou ao departamento de Servizos Sociais, e concretamente ao Centro de Información ás Mulleres da Laracha (CIM), polo premio ás boas prácticas nas entidades locais en materia de prevención e loita contra a violencia de xénero concedido recentemente polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e a Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP). A continuación, e tal e como é habitual nos Plenos ordinarios, gardouse un minuto de silencio en sinal de respecto cara as oito mulleres vítimas desta lacra social en España no que vai de ano.   

Martínez Barbeito aproveitou a celebración do Pleno ordinario para informar á Corporación da próxima celebración na Laracha, durante a segunda quincena de febreiro, dun curso para a obtención do carné de aplicador de produtos fitosanitarios. A acción formativa será levada a cabo pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia tralas xestións realizadas polo Concello da Laracha. 

Compartir: