Concello
O Concello organiza unha excursión Mondoñedo e Ribadeo dirixida a persoas maiores, xubiladas e pensionistas
05/07/2018
O Concello da Laracha organiza unha excursión ás localidades luguesas de Mondoñedo e Ribadeo dirixida ás persoas maiores, xubiladas ou pensionistas do municipio. Trátase dunha proposta lúdica, recreativa e cultural que se marca como obxectivo esencial optimizar o tempo de lecer deste colectivo e axudar a tecer relacións sociais entre os asistentes.
A excursión terá lugar durante a xornada do xoves 19 de xullo, estando a saída dos autobuses prevista para as oito da mañá desde a A Laracha. O primeiro punto de destino será Mondoñedo, onde os participantes realizarán unha visita guiada pola vila e afondarán no coñecemento da arte de labrar e traballar a pedra nun obradoiro de cantaría. Despois do xantar, desprazaranse ata Ribadeo para disfrutar dun paseo en barco pola ría.
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe aprobouse o prezo público desta actividade. Foi fixado en vinte euros, que inclúen o transporte, o xantar e todas as actividades que se desenvolverán ao longo da xornada.
As persoas interesadas en asistir deben formalizar a súa inscrición no departamento de servizos sociais do Concello da Laracha (novo edificio administrativo). As prazas son limitadas.