• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Corenta rapaces iniciaron a actividade da primeira quenda dos campamentos de verán de Caión

02/07/2018

A primeira quenda dos campamentos de verán que, como cada ano, organiza o Concello da Laracha, estase a desenvolver desde hoxe luns e rematará o venres, sendo a praia de Caión o escenario da maioría das actividades que se están a levar cabo cos corenta nenos participantes, todos eles de idades comprendidas entre os oito e os once anos.

Cada día o autobús cos rapaces e os monitores sae da praza do Concello ás 10:00 horas e regresa 18:00. A parada para o xantar nas instalacións das antigas escolas da Ínsua de Caión é ás 14:00. Durante toda a semana os participantes realizan moi diversas actividades lúdicas, recreativas, educativas, culturais e deportivas. 

Nesta primeira xornada, na que houbo un cursillo de iniciación ao surf e diversas actividades na praia, os rapaces recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira Patricia Bello.

Mañá realizarase unha saída ao parque acuático de Cerceda. O mércores contarase coa colaboración do Club SAL na organización e desenvolvemento dos obradoiros de salvamento e socorrismo. Pola tarde tamén realizarán un obradoiro medioambiental. O xoves haberá unha xornada multiaventura en Padrón. E o venres, ruta de sendeirismo pola costa de Caión e xogos de orientación con GPS.

Neste campamento o Concello da Laracha asume os custos do transporte, do xantar e de todas as actividades que se realizan no termo municipal da Laracha.

A segunda quenda dos campamentos de verán de Caión, dirixida a mozos de entre doce e quince anos de idade, comezará a desenvolverse o luns da próxima semana. O prazo de inscrición permanece aberto. 

Todos os anos o Concello da Laracha aposta por celebrar estes campamentos no marco do programa cultural e deportivo de verán aproveitando as instalacións municipais existentes en Caión e as características da vila, que permiten organizar un amplo abano de actividades nesta época do ano. Ademais de ofrecer ao nenos a posibilidade de divertirse practicando deporte e realizando actividades de tipo educativo, os campamentos son tamén unha importante axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos seus pais durante as vacacións nos centros educativos.