• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

En marcha a execución do proxecto co que se mellorarán doce estradas rurais de seis parroquias

29/06/2018

O Concello da Laracha iniciou a execución do proxecto que ten por finalidade mellorar as condicións de doce estradas situadas en zonas rurais e pertencentes a seis parroquias diferentes. O investimento supera os 83.000 euros.

As obras afectarán, en total, a preto de seis mil metros de distancia lineal da rede viaria municipal, nos que están proxectadas actuacións de mellora da superficie de rodadura e a completa limpeza das cunetas. Nalgúns puntos nos que as características da calzada así o permiten, tamén será ampliado o ancho da estrada para favorecer a circulación dos vehículos. 

En concreto, o proxecto afecta ás vías municipais que discorren por A Cacharra e O Igrexario (parroquia de Cabovilaño), O Piñeiro (Erboedo), Villaviciosa, A Fraga, A Fontaíña e Proame (Lemaio), O Igrexario, A Torre e rúa Rabadeira de Paiosaco (Lestón), O Petón (Torás) e O Formigueiro (Vilaño).

Destes doce puntos de actuación, o de maior entidade é o que se está a executar actualmente e que se centra na mellora da estrada duns dous quilómetros de distancia que comunica A Fontaíña con Proame, na parroquia de Lemaio. O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro responsable da área de Obras Públicas, Jesús Souto, visitaron as obras ao paso desta estrada polo núcleo de Pousadas.