• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Formalizado o contrato de reposición do céspede do campo de fútbol de Paiosaco

28/06/2018

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o representante da empresa Mondo Ibérica S.A., Raúl Xosé Sánchez, formalizaron hoxe na sala de xuntas do Concello o contrato de reposición do céspede sintético do campo de fútbol municipal A Porta Santa de Paiosaco. No acto tamén estiveron os concelleiros Jesús Souto e Patricia Bello e a secretaria do Concello da Laracha.

O Concello da Laracha promove e financiará integramente con fondos propios municipais este proxecto, que está valorado en 223.000 euros. O novo céspede sintético, que satisfará os requirimentos da Federación Internacional de Fútbol (FIFA), instalaranse nos 105x66 metros de dimensións do terreo de xogo, así como nas bandas laterais e nos fondos. Sobre o céspede sintético marcaranse todas as liñas do campo de fútbol 11 e tamén dous campos de fútbol 7. Ademais, será substituído o sistema de rego existente por outro de aspersores emerxentes de longo alcance no perímetro do campo.

As obras previstas comezarán a executarse este luns e desenvolveranse durante o verán co obxectivo de non interferir na actividade que se realiza nestas instalacións deportivas na época das competicións.

No campo municipal A Porta Santa desenvolve a maior parte da súa actividade –adestramentos, partidos e reunións- a Unión Deportiva Paiosaco, que este ano contou con dezaoito equipos e máis de trescentas fichas entre os xogadores de veteranos, o equipo sénior –que ascendeu por primeira vez á Terceira División e foi campión da Copa da Coruña por cuarta vez na súa historia- e as categorías inferiores. 

Tamén o Concello da Laracha organiza actividades municipais nestas instalacións. Nesta fin de semana, en A Porta Santa xogaranse dous partidos dos cuartos de final do Campionato Municipal de Peñas, no que serán os últimos encontros antes do cambio do céspede. As obras implicarán que este ano o campus de fútbol de verán se desenvolva integramente no Campo Municipal da Laracha.