• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello presenta ao Ministerio de Fomento un proxecto de posta en valor do castro de Montes Claros

30/06/2018

O Concello da Laracha aprobou recentemente con carácter definitivo a modificación puntual número 4 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), unha iniciativa promovida polo goberno local co propósito de ofrecer a máxima protección ao principais elementos do patrimonio arqueolóxico e levar a cabo medidas para poñer en valor ditos recursos culturais como enclaves naturais de alto valor didáctico e paisaxístico.

O castro de Montes Claros constitúe o principal sitio arqueolóxico do municipio polo seu tamaño, visibilidade e monumentalidade que presenta. Sitúase na conca media do río Anllóns, entre as parroquias de Vilaño e Cabovilaño, sobre un monte a unha altitude de 216 metros. O Concello da Laracha adquiriu unha parte das parcelas que ocupa o castro, sendo o primeiro dos elementos incluídos na citada modificación do PXOM en pasar a propiedade municipal.

Agora os esforzos do executivo local centraranse na recuperación e posta en valor do xacemento, e con ese obxectivo presentarase ao Ministerio de Fomento un proxecto propoñendo que sexa incluído no “Programa 1,5% Cultural”. Trataríase da primeira intervención arqueolóxica neste castro, que estaría diferenciada en tres fases. Primeiro, a documentación e investigación previa, que inclúe o levantamento topográfico e en tres dimensións do poboado, grazas ao cal podería determinarse a súa natureza e extensión. A continuación, na fase de consolidación, conservación e mantemento, levaríase a cabo unha actuación de recuperación do entorno no que se sitúa, definindo as accións permitidas e os protocolos de actuación nas áreas de protección. Por último, realizaríase o deseño de campañas de promoción e divulgación dirixidas ao público en xeral, pero especialmente aos alumnos dos centros de infantil e primaria do municipio.

O proxecto está valorado en máis de 70.000 euros e o Concello da Laracha comprométese a asumir con fondos propios municipais o trinta e cinco por cento do investimento necesario.

Precisamente o Concello da Laracha, coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, porá en marcha neste verán un campo de traballo de temática arqueolóxica e no que o obxectivo prioritario será a observación, delimitación e limpeza do castro de Monstes Claros e do seu entorno.