Concello
O Concello e a Comisión de Festas de Paiosaco presentan o programa da Feira das Cereixas
22/06/2018
A festa gastronómica de maior relevancia e tradición do Concello da Laracha, a Feira das Cereixas de Paiosaco, celebrarase o sábado e o domingo da próxima semana (30 de xuño e 1 de xullo. Baixo a organización do Concello e da Comisión de Festas de Paiosaco realizarase durante ambas xornadas un completo programa co propostas festivas, lúdicas e recreativos dirixidas a todos os públicos e coas que se celebrará esta festa declarada de interese turístico de Galicia.
O cartel foi presentado hoxe nun acto desenvolvido no centro sociocultural de Paiosaco no que participaron o alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de Festas, Patricia Bello, e representantes da Comisión de Festas de Paiosaco.
Así, o sábado 30 pola tarde (19:30 h) haberá un encontro folclórico no que participarán as asociacións culturais Queiroga de Paiosaco e Santa María de Torás e o Rancho Folclórico de Azagães de Oliveira de Azaméis procedente de Portugal. Tamén se celebrará a terceira edición do Torneo de Billarda (17:00 h) que organiza a Asociación de Veciños Campo da Feira e haberá sesión vermú e verbena nocturna co grupo América SL.
Xa o domingo, durante a habitual xornada de feira haberá un posto informativo do Concello da Laracha no que se ofrecerá material turístico e unha food truck que distribuirá diversas elaboracións feitas con cereixas como ingrediente principal. A partir do mediodía contarase coa charanga Santa Compaña e a sesión vermú será desde as 14:00 horas. Ás 19:30 horas está programado o espectáculo musical infantil A Casa do Terror, a cargo de Xoán Curiel e a banda Son+d2, un evento que se realizará coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Pola noite, a partir das 22:00 horas, pecharase a Feira das Cereixas coas actuacións de Tanxugueiras e de Radio Cos no propio recinto feiral de Paiosaco. No descanso, sesión de fogos artificiais que porá o colofón ás dúas xornadas de celebracións.
Ao tratarse dunha Festa de Interese Turístico de Galicia, colaboran coa organización a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña e Abanca.