• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O obradoiro de emprego actúa no paseo fluvial do río Vilán nos últimos días de actividade do programa

14/06/2018

Cando restan apenas dúas semanas para que finalicen os nove meses de actividade do obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego IV, os seus vinte alumnos traballadores e o persoal docente están a ultimar as actuacións proxectadas en ambos municipios. Os traballos conforman a parte práctica do proceso de formación dos participantes nesta iniciativa impulsada por ambos Concellos e que conta co financiamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

Para facilitar o desenvolvemento das actuacións, os dous módulos nos que se divide o obradoiro están a actuar de xeito paralelo e coordinado. Nestes momentos a especialidade de carpintería de madeira -que conta con dez alumnos traballadores e centra os seus labores no Concello da Laracha- está a rematar a mellora do paseo fluvial do río Vilán, na parroquia de Cabovilaño. Despois de realizarse a completa limpeza, substituír as táboas que así o requirían e reforzar a estrutura da pasarela de madeira, agora culmínase a actuación aplicando lasur, un verniz especialmente indicado para o tratamento da madeira en exteriores polo seu efecto antideslizante e por favorecer a súa conservación.

Este mesmo módulo tamén realizou o mantemento da fachada do edificio administrativo da Laracha, incluíndo a substitución da madeira que caracteriza a singularidade do inmoble. Por outro lado, nas últimas semanas están a realizar as divisións interiores das plantas superiores –ata o de agora, diáfanas- para acadar un máis óptimo aproveitamento dos espazos dispoñibles, e tamén elaborando parte do mobiliario (mesas, caixoneiras, armarios e estanterías) para equipalas.

Os outros dez alumnos-traballadores do obradoiro forman a especialidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e están a actuar no parque de Monticaño de Arteixo. O seu cometido é a recuperación do Camiño de Fragua, unha senda tradicional entre Pastoriza e Meicende duns catrocentos metros de lonxitude.

Os alcaldes da Laracha e de Arteixo, José Manuel López Varela, e Carlos Calvelo, reuníronse hoxe no paseo fluvial do río Vilán coa directora do obradoiro e parte dos alumnos. Coincidiron en destacar o excelente desenvolvemento do obradoiro e que se están a cumprir os seus obxectivos específicos e globais, xa que se están a executar actuacións de interese xeral para a veciñanza da Laracha e de Arteixo ao mesmo tempo que os vinte alumnos traballadores están formándose, aprendendo unha nova profesión, mellorando a súa empregabilidade e disfrutando dun contrato laboral remunerado durante os nove meses de duración do programa.

Todas as persoas que conclúan con éxito as aprendizaxes teóricas –desenvolvidas na súa totalidade no Concello da Laracha- e prácticas recibirán o certificado de profesionalidade no seu correspondente módulo homologado pola Xunta de Galicia.