• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Deportes

A Escola Basket Xiria presenta o I Campus de Minibasket “Concello da Laracha”

15/06/2018

A Escola Basket Xiria realizará do 1 ao 14 de agosto a primeira edición do Campus de Minibasket ‘Concello da Laracha’, unha novidosa iniciativa dirixida a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos e que se marca como obxectivos o perfeccionamento da técnica individual, a psicomotricidade e o tiro a canastra dos participantes.

O prazo de inscrición xa está aberto e debe tramitarse vía online. Os organizadores agardan cubrir a totalidade das corenta e dúas prazas dispoñibles, sendo a pretensión inicial desenvolver as xornadas de adestramentos con dous grupos diferenciados por idades. Ambas sesións –que serán dirixidas por Basilio Pampín, Roi Vega e Sito Cabado- desenvolveranse en horario de mañá (de 10:00 a 11:30 e de 11:30 a 13:00 horas) nas instalacións do pavillón polideportivo Municipal da Laracha.

Hoxe presentouse o campus na sala de xuntas do Concello da Laracha nun acto no que participaron o alcalde, José Manuel López Varela, a edil responsable da área de Deportes, Patricia Bello, e unha ampla representación da Escola Basket Xiria con Marcos Molk (presidente), Arturo Ferraces (director deportivo) e Roi Vega (coordinador).

O rexedor municipal mostrou o seu agradecemento ao club por ter pensado no Concello da Laracha para levar a cabo esta “idea marabillosa que ofrecerá aos xogadores unha excelente oportunidade para mellorar as súas calidades neste deporte aproveitando as vacacións de verán”.

Colaboran coa Escola Basket Xiria na organización do I Campus de Minibasket o Concello da Laracha e a Federación Galega de Baloncesto.