• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Día do Deporte, que se celebrará o próximo sábado, alcanza a décima edición

26/05/2018

Un ano máis, e con este xa son dez, o Concello da Laracha festexará a chegada do mes de xuño celebrando unha nova edición do Día do Deporte, que terá lugar durante toda a mañá do sábado da próxima semana, día 2 de xuño.

Trátase dun dos eventos habituais na programación municipal que se organiza cos propósitos de fomentar a práctica de diversidade de tipos de actividade física e promocionar os estilos de vida saudables entre persoas de todos grupo de idade, en especial dos nenos e dos maiores. 

Desde as 10:00 horas as explanadas situada xunto ao IES Agra de Leborís, a biblioteca municipal da Laracha, a Casa da Cultura e a piscina municipal serán os puntos de encontro para todas as persoas que desexen participar e formar parte desta xornada saudable, deportiva e lúdica. Poderanse practicar modalidades como o baloncesto, aeróbic, tiro con arco, xadrez, ximnasia de mantemento, fútbol 3x3, chave, bicicleta de montaña, bádminton, spinning, tonificación muscular e judo. Ademais, no pavillón do IES Agra de Leborís haberá unha exhibición de patinaxe a partir das 11:00 horas a cargo dos alumnos das escolas deportivas municipais.

Ofrecerase a posibilidade de practicar estes deportes de forma libre, dirixida e, no caso do baloncesto, tamén na modalidade de competición en tiros libres e triples, para o que será preciso a inscrición previa no propio lugar do desenvolvemento da actividade. 

Ademais, as propostas lúdico-deportivas que estarán a disposición dos asistentes serán a equitación, karts a pedais, escalada tobogán, ra, portería inchable, táboa de surf e barredora.

Durante toda a xornada haberá un stand informativo do Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL) no que a entidade aproveitará para dar a coñecer a actividade que desenvolve ao longo de todo o ano.

O final da xornada está previsto para as 13:30 horas, momento no que se realizarán os sorteos dos premios doados polas empresas colaboradoras entre todas as persoas que participaron nalgunha das modalidades deportivas durante a mañá. 

Na organización do evento colaboran co Concello da Laracha: Abanca, la Caixa, Hidroeléctrica Laracha, Supermercados Gadis, Autoservicios Familia, Cristalería El Reflejo, Diario de Bergantiños, La Voz de Galicia, Deportes San Remo, O Noso Café, Cervecería M3, Hotel-Restaurante ABC, Imprenta Esymar, Hebe Sport, Esproade Servicio Integrados e a Asociación de Comercio, Servicios e Industria da Laracha (ACSIL).