• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Consensuadas as iniciativas que se levarán a cabo nos colexios en prevención da violencia de xénero

21/05/2018

A Mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino celebrou hoxe unha nova sesión na Sala de Xuntas do Concello da Laracha. A reunión foi presidida pola concelleira de Muller, Rocío López, e contouse coa presenza da directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha, Ana Aldao, e de representantes dos tres colexios (Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión), do Instituto Agra de Leborís, do centro médico da Laracha e do posto da Garda Civil deste municipio.

Na xuntanza realizouse unha presentación da proposta de actividades de prevención da violencia de xénero e as malas condutas a desenvolver nos tres colexios de cara ao próximo curso escolar. Como iniciativas máis salientables, haberá obradoiros de igualdade que tocarán tomáticas como a autoestima, tolerancia, respeto, comunicación, relación entre iguais e educación en corresponsabilidade. 

Ademais, celebrarase a cuarta edición da Festa da Igualdade o 23 de novembro, incluíndose no programa municipal en torno ao Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres (que se celebra o día 25 dese mes). Neste ocasión a xornada de convivencia incorporará novidades como unha carreira popular entre os alumnos, ademais de diversas actividades e concursos.

En canto ao instituto, realizouse unha valoración altamente satisfactoria do programa de educación afectivo-sexual levado a cabo recentemente, que contou coa plena implicación e interese por parte dos alumnos participantes. A programación a desenvolver no próximo ano decidirase en posteriores reunións, aínda que xa se avanzaron hoxe os contidos de varias propostas.

Na reunión deste mediodía os integrantes da Mesa tamén realizaron unha xornada de traballo formativo sobre a resolución de casos de menores en posible situación de violencia no ámbito familiar.

A próxima xuntanza desta Mesa sectorial de educación e sanidade quedou fixada para o 8 de outubro, tralas vacacións de verán nos centros de ensino e co novo curso xa en marcha. Antes, o luns da próxima semana, celebrarase a correspondente reunión da mesa sectorial de coordinación policial, da que forman parte as diferentes forzas e corpos de seguridade.