• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO INSTALARÁ PANEIS INFORMATIVOS NAS PRAZAS PÚBLICAS SOBRE A NORMATIVA DE ANIMAIS DOMÉSTICOS

10/02/2016

O Concello da Laracha colocará nas prazas públicas, zonas verdes e áreas de esparexemento municipais carteis informativos sobre a obrigatoriedade de levar aos cans atados con correa e de recoller os excrementos, tal e como establece a ordenanza municipal de promoción das condutas cívicas e protección dos espazos públicos.   

Nos próximos días serán instalados unha trintena de letreiros co obxectivo de lembrar aos propietarios de animais domésticos a necesidade de cumprir coa normativa vixente para facilitar a convivencia cidadá.   

Dita ordenanza municipal establece no seu artigo 24.2 que os animais de compañía deberán ser sempre conducidos nas zonas públicas mediante unha correa, estando prohibida a súa entrada aos lugares nos que están instalados os parques infantil, así como á praia de Caión durante a temporada estival (do 1 de xuño ao 30 de setembro).   

Tamén está regulado no artigo 24.3 que o portador do can ten a obriga de recoller e retirar os excrementos depositándoos, convenientemente envoltos, nos colectores de lixo ou papeleiras situados na vía pública e responsabilizándose da limpeza da zona ensuciada.   

O incumprimento desta normativa, tal e como establece a citada ordenanza municipal, implicará multas coercitivas con sancións económicas de entre cincuenta e catrocentos euros.

Compartir: