• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello investirá 90.000 euros na campaña de desbroce deste ano

18/05/2018

O Concello da Laracha ten previsto adxudicar na próxima Xunta de Goberno Local os contratos do servizo referido aos traballos para a prevención e defensa contra incendios forestais e de roza de vías e parcelas municipais que se realizarán ao longo dos próximos meses. Farase despois de que a Mesa de Contratación clasificara todas as ofertas presentadas neste procedemento e coa intención de que as actuacións poidan comezar a executarse á maior celeridade posible.

O Concello da Laracha investirá un total de 90.000 euros nesta campaña que, co propósito de axilizar a execución dos labores previstos, está dividida en catro lotes. Os tres primeiros inclúen a totalidade das estradas de titularidade municipal e o cuarto, as parcelas municipais que non están incluídas no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes e que alcanzan, en total, unha superficie de 150.000 metros cadrados.

A campaña de desbroce das vías e parcelas de titularidade municipal ten por obxectivo eliminar a vexetación herbácea nas marxes das estradas para frear o seu crecemento, mellorar a visibilidade dos condutores e viandantes e reforzar a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público nas estradas.