• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello desenvolve unha campaña informativa lembrando as obrigas dos propietarios de animais domésticos

05/05/2018

O Concello da Laracha iniciou o desenvolvemento dunha campaña informativa co obxectivo de lembrar aos propietarios de animais domésticos as obrigas que deben respectar en virtude do establecido na ordenanza municipal sobre promoción das condutas cívicas e protección dos espazos públicos.

Tras detectarse un repunte no incumprimento da citada normativa municipal, e despois de terse recibido queixas por parte da veciñanza, o Concello da Laracha editou un bando que será colocado en puntos estratéxicos do termo municipal. O documento informa da obrigatoriedade de levar aos cans atados, da prohibición do seu acceso tanto a espazos públicos nos que existan xogos infantís como ás praias durante a temporada de baño (do 1 de xuño ao 30 de setembro), que os propietarios son os responsables da recollida dos excrementos e a limpeza da zona da vía pública ensuciada e que os cans non poden beber directamente das fontes públicas destinadas ao consumo humano.

O incumprimento da normativa supón multas de entre 50 e 400 euros conforme ao réxime sancionador da ordenanza municipal. A Policía Local, no exercicio das súas funcións de inspección, denunciará todas as infraccións que se observen ao respecto.

No bando asinado polo alcalde, José Manuel López Varela, tamén se fai un chamamento aos propietarios dos cans que cumpren as normas de convivencia e á veciñanza en xeral a axudar a crear unha opinión favorable entre os donos dos animais incumpridores para que comprendan que están a perxudicar ao conxunto da cidadanía e, que en todo caso, informen á Policía Local das infraccións que detecten.