• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Museo dos Muíños de Golmar estreará neste verán o distintivo de centro azul

08/05/2018

A Fundación de Educación Ambiental (FEE) e a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC) veñen de facer pública a relación de iniciativas ambientais galardoadas neste ano 2018. O Concello da Laracha recibiu tres recoñecementos: a bandeira azul para a praia de Caión, o sendeiro azul para o Sendeiro de Saldoiro e o centro azul que por primeira vez obtén o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte, situado na antiga casa reitoral Golmar.

Polo tanto, neste verán ondeará por décimo sétima  vez a bandeira azul na praia de Caión, un distintivo internacional que pon de manifesto a calidade tanto do areal como das súas augas, a ampla cobertura de servizos para os usuarios da praia e o desenvolvemento de iniciativas encamiñadas ao respecto medioambiental e á conservación dos ecosistemas da zona.

Así mesmo, o tramo do paseo marítimo de 1,8 quilómetros de distancia entre a praza Eduardo Vila Fano e o arroio Figueirido repite o distintivo de sendeiro azul, pero desde agora baixo a denominación Sendeiro de Saldoiro en referencia á zona pola que discorre na súa maior parte este camiño peonil de acceso á praia.

Pero a gran novidade deste verán será o distintivo de centro azul no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte, co que se fai un triplo recoñecemento ao Concello da Laracha. En primeiro lugar, ás propias instalacións situadas no Igrexario de Golmar, na antiga casa reitoral desta parroquia. Tamén se premia o contido das actividades e iniciativas de educación ambiental que se levarán a cabo durante os próximos meses nese lugar e que irán especialmente dirixidas ao público infantil. Ademais, galardoar co centro azul ao museo dos muíños de auga significa, indirectamente, recoñecer a riqueza etnográfica municipal e o atractivo turístico e medioambiental dos entornos fluviais próximos, en especial os dos ríos Acheiro, Bradoso e Anllóns, nos que o Concello da Laracha está a desenvolver nos últimos anos iniciativas para a súa posta en valor. Por tanto, esta será unha excelente oportunidade para a promoción turística da zona interior do municipio.