• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O alumnado do CEIP Alfredo Brañas e do CEIP de Caión protagonizan unha xornada de deporte inclusivo

03/05/2018

Os alumnos de 5º e 6º de primaria do CEIP Alfredo Brañas e do CEIP de Caión participaron hoxe nunha xornada formativa e de sensibilización sobre a diversidade funcional que se desenvolveu no pavillón polideportivo do centro de ensino de Paiosaco.

A Fundación Abrente, co apoio da Deputación Provincial da Coruña e da Obra Social “la Caixa”, organiza estas xornadas nos colexios no marco do Proxecto Enki e cos propósitos de visibilizar aos colectivos con diversidade funcional e promover a inclusión social a través do deporte.

Hoxe en Paiosaco foi impartida por tres deportistas galegos como Martín Varela (campión de España en categorías individual e dobres de tenis en cadeira de rodas), Daniel Prada (tamén tenista en cadeira de rodas) e Ángel López (triatlón adaptado).

Por espazo de case unha hora os corenta alumnos asistentes coñeceron as súas historias persoais de superación e formuláronlles preguntas, sen tabús, coas que aclararon todas as dúbidas ao respecto. A continuación practicaron as diferentes modalidades deportivas empregando os medios cos que os propios deportistas adestran e compiten (cadeiras de rodas adaptadas e handbikes de paseo e de competición) que lles permitiron empatizar con eles e, por un momento, ‘poñerse no lugar’ dunha persoa con discapacidade.

En toda Galicia máis de mil escolares xa teñen participado nestas xornadas. A experiencia da Fundación Abrente indica que para os alumnos supón un antes e un despois na súa visión sobre a discapacidade porque chegan a transformar a súa percepción sobre a diversidade funcional pasando do descoñecemento e do sentimento de pena á admiración e, sobre todo, á normalización, o que é o obxectivo final desta iniciativa.

Neste mes de maio está previsto desenvolver un evento de similares características no CEIP Otero Pedrayo da Laracha.