Concello
A liquidación do exercicio 2017 pon de manifesto a boa situación económica do Concello e avala as políticas municipais
30/04/2018
A saneada situación económico-financeira do Concello da Laracha, froito da xestión económica do executivo local, vólvese poñer de manifesto no informe sobre a liquidación dos orzamentos xerais municipais do exercicio económico 2017 que vén de ser emitido polo departamento de intervención. Como datos de maior relevancia que deixa o balance, destacan o remanente de tesourería para gastos xerais de 3.168.502,20 euros e o superávit positivo de 1.500.530,91 euros.
No apartado de gastos, o documento recolle que a conta se pecha en 7.376.807,95 euros. O vinte por cento desa cantidade (1.467.155,05 euros) foi destinado a investimentos reais na mellora das infraestruturas de titularidade municipal, e o trece por cento (960,463,15 euros) empregouse no financiamento dos diferentes programas de servizos sociais. Cabe salientar, tamén, outros piares da xestión do goberno local, como o importante volume de gasto destinado ao mantemento en boas condicións e a limpeza das infraestruturas públicas, o apoio ao asociacionismo (entidades culturais e educativas, clubs deportivos e comisións de festas) e a colaboración cos estudantes e as súas familias a través das bolsas municipais.
Os servizos económicos municipais destacan nos informes o alto nivel de execución orzamentaria, alcanzado o 99,68 % no referido ao abono das obrigas recoñecidas, dato que debe analizarse conxuntamente co estrito cumprimento da lei contra a morosidade nas operacións comerciais, xa que en todos os trimestres foron respectados os prazos legalmente establecidos para o pagamento das facturas.
En canto aos ingresos, rexistrouse un incremento de preto de quince por cento entre as previsións iniciais e os dereitos recoñecidos netos ao peche do exercicio, sendo o motivo fundamental deste bo dato as transferencias de capital doutras administracións debido á participación do Concello da Laracha en diferentes convocatorias de axudas e subvencións. Esta circunstancia pon de manifesto a prudencia no momento no que se elaboraron os orzamentos xerais. Os capítulos referidos aos impostos directos e indirectos non sufriron modificacións de relevancia nas súas magnitudes finais con respecto ás previsións iniciais. O Concello da Laracha tampouco enaxenou bens municipais e non acudiu a operacións de préstamo durante o ano 2017.
As contas reflicten o estrito cumprimento tanto do obxectivo de estabilidade orzamentaria (maiores ingresos que gastos de natureza non financeira) como da regra de gasto (a variación do gasto con respecto ao exercicio anterior non superou a taxa de referencia do crecemento do PIB determinado polo Ministerio de Economía).
Este balance da liquidación do exercicio económico 2017, do que se dará conta ao Pleno da Corporación na próxima sesión, avala as políticas municipais desenvolvidas tanto no último ano como nos anteriores, baseadas na xestión responsable dos recursos dispoñibles para manter a excelente cobertura en infraestruturas, instalacións e programas que se prestan desde o Concello da Laracha, sen acudir ao endebedamento e conxelando os tributos e taxas municipais.