Concello
Adxudicada a obra de humanización das rúas Lugo, Carballo e un tramo da Avenida Fisterra da Laracha
01/05/2018
Nos próximos días comezarán a executarse as obras de humanización das rúas Lugo e Carballo e un tramo da Avenida Fisterra, situadas na capital municipal da Laracha. Farase despois de que o alcalde, José Manuel López Varela, e o representante da empresa SYR-AMG rubricasen a formalización do contrato de execución do proxecto.
O Concello deseñou esta actuación co propósito esencial de renovar as beirarrúas existentes neste ámbito priorizando a circulación peonil en condicións de seguridade e accesibilidade universal. Ademais, reordenarase o tráfico para facilitar o tránsito dos vehículos, regularanse as interseccións para que sexan máis claras e seguras, acondicionaranse as prazas de aparcamento público, mellorarase a sinalización viaria e renovarase a rede de recollida de augas pluviais.
Trátase dunha actuación de similares características á realizada recentemente nas cercanas rúas Epifanio Campo Núñez, Coruña, Pontevedra e Suíza. Con este proxecto completarase a transformación desta céntrica zona do casco urbano da Laracha que conforma unha das áreas residenciais e comerciais de maior relevancia do municipio, ademais de albergar o centro médico e punto de atención continuada da Laracha.
O Concello da Laracha investirá 77.000 euros neste proxecto, financiado integramente con fondos propios municipais.