• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Laracha anima á veciñanza a ‘Coñecer o teu Concello’ cun programa de tres andainas

21/04/2018

O departamento de cultura e deportes da Laracha pon en marcha o programa ‘Coñece o teu Concello’, que se marca como obxectivo ofrecer á veciñanza unha oportunidade para realizar tres rutas de sendeirismo por diferentes localizacións da zona interior do termo municipal nas que se destacarán a natureza, as paisaxes, o patrimonio histórico e os recursos turísticos de maior relevancia.

A primeira das andainas será o domingo 29 de abril e titúlase ‘A senda do Anllóns’. Trátase dunha ruta circular que partirá ás 10:00 horas desde o IES Agra de Leborís e discorrerá a carón do río ata Tuixe (parroquia de Lemaio). No camiño de volta ata o punto de partida pasarase polo Castro de Montesclaros (parroquia de Vilaño). En total percorreranse dez quilómetros nun roteiro de dificultade baixa e apto para todos os públicos.

Nos outros dous roteiros haberá buses gratuítos que sairán da Praza do Concello ás 9:30 horas coa previsión de iniciar as camiñatas media hora máis tarde no lugar de saída.

Así, o 13 de maio realizarase a ruta ‘Os muíños do Bradoso’ pola parroquia de Montemaior, tamén nun percorrido circular de 7 quilómetros de distancia e dificultade baixa-moderada. Con inicio e fin na escola de Cumiáns, durante a andaina pola senda fluvial poderanse ver varios muíños de rodicio.

Por último, o 10 de xuño será a quenda para ‘As pedras de Soandres’, un roteiro de dificultade moderada e trece quilómetros de distancia. Partirase do mosteiro de San Pedro de Soandres, visitaranse os Fornos dos Mouros e a Pedra da Cabirta e concluirase o percorrido no miradoiro de Santa Marta, no punto de confluencia das parroquias de Soandres, Soutullo e Coiro.

As inscricións son gratuítas e deben formalizarse no Concello, ben acudindo á Casa Consistorial ou chamando ao 981 605 001.