• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Agustín Jiménez, Marcos Pereiro, Cándido Pazó e Manuel Manquiña, no 6º Festival do Humor da Laracha

20/04/2018

O Concello da Laracha renova a súa aposta por ofrecer espectáculos cómicos de alta calidade na sexta edición do Festival do Humor, programa xa consolidado como un dos grandes referentes nas propostas culturais municipais da primavera.

Este ano volvemos contar cun cartel de luxo, xa que pola Casa da Cultura pasarán catro monologuistas de referencia. Trátase dun festival moi completo, con shows para diferentes idades e gustos, e todos eles dunha calidade incuestionable.

O encargado de abrir o cartel será Agustín Jiménez o día 4 de maio. O artista cacereño, que se autodefine como ‘enxeñeiro do entretemento’, é un dos pioneiros en España da actual concepción dos monólogos e todo un referente no ámbito nacional. A Laracha terá a honra de acoller a súa primeira actuación en Galicia.

O venres 11 contaremos co coñecido actor e humorista Marcos Pereiro, que por primeira vez formará parte do cartel do festival larachés.

A continuación, o día 18 será a quenda para o vigués Cándido Pazó, un dos mellores narradores orais de Galicia, que deleitará ao público asistente coa súa particular maneira de contar as historias.

Por último, o venres 25 contaremos coa presenza de Manuel Manquiña, que regresa á Laracha co novo texto do seu último espectáculo.

Para facilitar a asistencia do público xuvenil e adulto, ao que se dirixe preferentemente o 6º Festival do Humor, os monólogos serán sempre en venres, na Casa da Cultura da Laracha e a partir das 22:00 horas.

As entradas sairán á venda para o público en xeral o luns (23 de abril) e poderanse adquirir na Casa do Concello ao prezo reducido de cinco euros por cada espectáculo.