• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello renova a estrada municipal entre Cercido e Revirente

13/04/2018

O Concello da Laracha, no desenvolvemento do plan de mellora, conservación e mantemento en boas condicións das vías de titularidade municipal, está acometendo unha actuación na estrada que comunica os núcleos rurais de Cercido (parroquia de Erboedo), A Ameixeira (Coiro) e Revirente (Soandres).

A obra, financiada coa colaboración económica da Deputación Provincial da Coruña, afecta a un tramo de 1.260 metros de lonxitude. Ten por finalidade renovar a superficie de rodadura para facilitar o tránsito dos vehículos, ademais de mellorar a rede de recollida de augas pluviais, centrándose agora estas actuacións en A Ameixeira.

A característica dispersión da poboación que presenta o municipio implica que o Concello da Laracha dispoña dunha ampla rede viaria con máis de 600 quilómetros de estradas que percorren o termo municipal para comunicar os máis de trescentos núcleos de poboación existentes. O seu mantemento en bo estado de conservación é unha das cuestións prioritarias para goberno local.