• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Catro empresas optan á adxudicación do proxecto de reposición do céspede do campo de fútbol de Paiosaco

12/04/2018

A Mesa de Contratación do Concello da Laracha procedeu hoxe á apertura das plicas coa documentación técnica presentada polas catro empresas que concorren ao procedemento de contratación do proxecto de reposición do céspede artificial do campo de fútbol municipal A Porta Santa de Paiosaco.

Durante os próximos días os servizos técnicos municipais comprobarán que a documentación achegada se adapta ás condicións técnicas establecidas nos pregos que rexen a licitación deste contrato. A continuación será fixada a data da nova reunión da Mesa de Contratación para a apertura das plicas coas ofertas económicas.

O Concello da Laracha promove e financiará integramente con fondos propios municipais este proxecto, que está valorado en 223.000 euros. O novo céspede sintético, que satisfará os requirimentos da Federación Internacional de Fútbol (FIFA), instalaranse nos 105x66 metros de dimensións do terreo de xogo, así como nas bandas laterais e nos fondos.

Para non interferir á actividade que se desenvolve nestas instalacións deportivas na época das competicións, o Concello da Laracha ten previsto executar os traballos durante o próximo verán.