• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO SOLICITA A PARTICIPACIÓN EN PROGRAMAS DE AXUDAS PARA O FOMENTO DO EMPREGO E A MELLORA DA REDE VIARIA

22/02/2016

Na última sesión da Xunta de Goberno Local celebrada no Concello da Laracha acordouse remitir á Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia propostas para participar en convocatorias de axudas económicas para o desenvolvemento de programas relacionados coa creación de emprego e a mellora das infraestruturas municipais.   

O acordo máis destacado foi remitir o contido do Programa Integrado de Emprego que se promove conxuntamente cos municipios de Carballo e Malpica de Bergantiños. Este ambicioso proxecto ten un orzamento total duns 160.000 euros e contempla formar e ofrecerlles experiencias a nivel laboral a un total de sesenta persoas que se atopan en situación de desemprego, dando preferencia aos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.   

Como primeiro paso, desenvolveríanse unha serie de accións específicas preparatorias, en grupos de traballo sectoriais e con empresas e institucións dentro de áreas relacionadas coa atención ao público en supermercados ou grandes superficies (caixeiro) e aspectos como o manexo da carreta elevadora (mozo de almacén) e manipulación de alimentos en peixerías, carnicerías e locais de repostería.   

Ao mesmo tempo, os participantes recibirían formación transversal en materia de busca activa de emprego (elaboración do currículum, ofertas de emprego na Internet ou empresas de traballo temporal, orientación laboral, formación sobre emprendemento, etc.).   

No caso de obter o financiamento necesario por parte da Xunta de Galicia levaríase a cabo este programa no que todos os cursos e accións formativas serían deseñadas e tutorizadas por profesionais cualificados e desenvolvidas en instalacións municipais que para tal fin cederían os tres Concellos que promoven a iniciativa.   

Contratación de persoas en risco de exclusión social   

A outra proposta relacionada coa creación de emprego faise ao abeiro da convocatoria para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga. O goberno local pretende formar un grupo de peóns para o desenvolvemento de traballos relacionados co mantemento en bo estado dos entornos naturais e a conservación da riqueza medioambiental.   

Mellora dos accesos ao parque empresarial   

Salientar, por último, o proxecto valorado en 93.000 euros e que foi presentado á mesma Consellería. Trátase dunha actuación dirixida á mellora dos accesos ao parque empresarial da Laracha coa renovación do pavimento en estradas que dirixen á zona industrial. Faise no marco da convocatoria publicada no DOG do pasado 30 de decembro.

Compartir: