• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os servizos municipais de axuda á conciliación alcanzan os 200 usuarios anuais

23/03/2018

Hoxe celébrase en España o Día da Conciliación da Vida Familiar, Laboral e Persoal e a Corresponsabilidade. Desde o Concello da Laracha aproveitamos esta data para lembrar aos nosos veciños e veciñas os servizos municipais que están a súa disposición co propósito de que os pais e nais que teñen ao seu cargo nenos e nenas de idades comprendidas entre os tres e os doce anos poidan facer compatibles os seus compromisos laborais, os persoais e os familiares.

O Programa Harmoniza inclúe tanto o servizo Madrugadores, que comezou a ofertarse coincidindo co inicio do actual curso escolar, como a aula lúdica municipal, que xa leva máis dunha década en funcionamento. En total, o Concello da Laracha estima que unhas duascentas persoas se benefician cada ano de ambos servizos. Nos dous casos a programación é desenvolvida por persoal especializado baixo a coordinación do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha, facendo fincapé durante as actividades na promoción da igualdade de oportunidades entre homes e muller, a prevención da violencia e a educación en corresponsabilidade.

Madrugadores conta actualmente con 35 usuarios e usuarias entre o alumnado do CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha –ofertouse, tamén, no CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e no CEIP de Caión, pero non se alcanzou o mínimo de inscritos-. O servizo préstase nas propias instalacións do centro nos días lectivos a partir das 7:00 horas e ata o inicio das clases ás 9:00 horas. Durante o próximo verán, o Concello da Laracha continuará ofertando Madrugadores no mesmo horario, pero trasladándoo ás instalacións da aula lúdica municipal.

Nese mesmo lugar –situado no edificio de servizos múltiples, en pleno centro da capital municipal da Laracha- todas as tardes en horario de 16:30 a 20:30 horas os pais e nais teñen a posibilidade de deixar aos seus fillos e fillas baixo o coidado e atención de persoal especializado. Actualmente a aula lúdica municipal conta con 106 usuarios e usuarias, cifra que aumenta cada verán ata os 160, cando o servizo pasa a prestarse polas mañás adaptándose ás vacacións nos centros de ensino. Tamén en períodos como o Nadal ou a Semana Santa, cando o servizo se presta tanto pola mañá como pola tarde, se rexistra un notable incremento no número de usuarios e usuarias.

Pola calidade, a orixinalidade e a temática das actividades que se desenvolven ao longo de todo o ano, ademais do importante servizo que  presta á cidadanía, o Programa Harmoniza do Concello da Laracha foi premiado pola Federación Española de Municipios y provincias (Femp) e posto como exemplo como iniciativa municipal dirixida a facilitar e fomentar a transversalidade de xénero, a conciliación e a corresponsabilidade na vida persoal, familiar e profesional no ámbito local.