Concello
O campo de traballo da Laracha deste verán centrará as súas actuacións no Castro de Montesclaros
24/03/2018
Por quinto ano consecutivo o Concello da Laracha volverá organizar este verán –do 1 ao 15 de agosto- un campo de traballo nacional no que se convidará a participar a quince mozos de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. Farase coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dependente da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
Nas anteriores ocasións a temática centrárase en temáticas medioambientais como a posta en valor dos entornos fluviais e a promoción da práctica deportiva ao aire libre aproveitando as posibilidades que ofrece para iso o termo municipal. Participaran voluntarios procedentes de diversos puntos de toda España e de países europeos, asiáticos e sudemericanos.
Desta volta cambiarase por completo a temática, xa que a modalidade do novo campo de traballo será arqueolóxica e terá como obxectivo prioritario a fase inicial da posta en valor do Castro de Montesclaros, o xacemento situado na parroquia de Vilaño pertencente á idade de ferro e que, segundo os estudos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, é un dos máis grandes dos catalogados en Galicia.
O Castro de Montesclaros é un dos elementos incluídos no Plan Especial de Patrimonio Cultural promovido polo goberno municipal e que permitiu a recente adquisición por parte do Concello da Laracha das primeiras parcelas que albergan o xacemento. Agora darase un paso máis iniciando a súa posta en valor a través do campo de traballo, que centrará o seu labor exclusivamente na observación, delimitación e a limpeza do castro e do seu entorno. Os voluntarios estarán en todo momento acompañados por un equipo técnico formado polo director do campo de traballo, un arqueólogo e os monitores.
Durante o desenvolvemento do programa o traballo específico sobre o terreo realizarase polas mañás. Durante as tardes, os voluntarios realizarán outra serie de actividades de tipo educativo, didáctico e cultural que tamén lles permitirá coñecer o termo municipal da Laracha, a súa historia e tradicións. Durante a súa estancia aloxaranse nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior). A organización asumirá ao completo os custes da manutención dos participantes e das actividades culturais que se realicen.