Concello
A Xunta de Goberno Local adxudica proxectos valorados en 400.000 euros
22/03/2018
O Concello da Laracha celebrou hoxe unha sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local na que foron adxudicados catro proxectos de mellora das infraestruturas viarias valorados nun total de 400.000 euros. Unha vez formalizados os contratos –trámite que se completará nos próximos días-, estarase en disposición de iniciar as obras que afectan ao casco urbano da Laracha, a varios núcleos rurais e tamén ao ámbito do parque empresarial.
Na capital municipal realizaranse dúas das actuacións diferenciadas. Na rúa Eusebio Bértoa será construída unha nova beirarrúa desde o seu punto de confluencia coa Avenida Fisterra (estrada AC-552) ata o cruce coa rúa Epifanio Campo Núñez. Ademais, as rúas Lugo, Carballo e un tramo da Avenida Fisterra serán obxecto dunha actuación dirixida á súa humanización para mellorar a accesibilidade, proxecto de similares características e que dará continuidade aos xa desenvolvidos nas próximas rúas Epifanio Campo Núñez, Coruña, Pontevedra e Suíza.
O proxecto que se desenvolverá en puntos rurais afecta a doce estradas de seis parroquias diferentes. Mellorarase a capa de rodadura e, por tanto, as condicións para a circulación dos vehículos, en A Cacharra e O Igrexario (parroquia de Cabovilaño), O Piñeiro (Erboedo), Villaviciosa, A Fraga, A Fontaíña e Proame (Lemaio), O Igrexario, A Torre e rúa Rabadeira de Paiosaco (Lestón), O Petón (Torás) e O Formigueiro (Vilaño).
No apartado de subvencións, acordouse presentar as dúas solicitudes para participar en plans de fomento do emprego da Deputación Provincial da Coruña. Por un lado está o programa de limpeza de praias (BOP nº 37 do 22 de febreiro de 2018) para a próxima campaña de verán. O Concello da Laracha pretende financiar parte dos gastos da contratación do persoal que, durante os meses de xullo, agosto e setembro, se encargará de manter en perfecto estado de limpeza a praia de Caión e a súa contorna.
A outra convocatoria á que o Concello da Laracha desexa acollerse é a do Programa de Integración Laboral mediante a execución de obras e servizos mínimos municipais (BOP núm. 55 do 21 de marzo de 2018). Neste caso preténdese contratar persoas en situación de desemprego para formar os equipos municipais de obras, mantemento e conservación medioambiental para desenvolver tarefas como a recollida de residuos, limpeza viaria e melloras nos parques públicos e na sinalización das estradas.
Por último, salientar que foron concedidas licencias urbanísticas para a construción de dúas novas vivendas unifamiliares.