• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os alcaldes da Laracha e de Arteixo reúnense no Camiño da Fragua que está a recuperar o obradoiro de emprego

22/03/2018

Os alcaldes da Laracha e de Arteixo, José Manuel López Varela e Carlos Calvelo, mantiveron hoxe un encontro co persoal docente e os dez alumnos-traballadores do módulo de xardinería do obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego IV, que promoven ambos Concellos co apoio económico da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

A reunión realizouse no punto principal de actuación de dito módulo: o entorno do arteixán parque de Monticaño e, concretamente, no Camiño da Fragua, unha senda tradicional entre Pastoriza e Meicende duns catrocentos metros de lonxitude que se está a recuperar grazas a este programa.

Cabe lembrar que os outros dez alumnos-traballadores forman a especialidade de carpintería de madeira e moble e centran o seu labor práctico no Concello da Laracha, onde están a realizar actuacións como o mantemento do paseo fluvial de Cabovilaño e as divisións interiores das plantas superiores do edificio de usos administrativos da Laracha, onde tamén renovaron a fachada.

Ambos rexedores coincidiron en destacar o excelente desenvolvemento do obradoiro e que se están a cumprir os seus obxectivos específicos e globais, xa que se están a executar obras de interese xeral para a veciñanza da Laracha e de Arteixo ao mesmo tempo que os vinte alumnos-traballadores están formándose, aprendendo unha nova profesión, mellorando a súa empregabilidade e disfrutando dun contrato laboral remunerado durante os nove meses de duración do programa.

Todas as persoas que conclúan con éxito as aprendizaxes teóricas –desenvolvidas na súa totalidade no Concello da Laracha- e prácticas recibirán o certificado de profesionalidade do seu correspondente módulo homologado pola Xunta de Galicia.