Concello
A campaña municipal de poda de árbores finaliza no núcleo urbano da Laracha
21/03/2018
O Concello da Laracha completará a campaña municipal de poda de árbores coas actuacións que se están a desenvolver no núcleo urbano da capital do municipio.
No día de hoxe finalizaron os traballos na decena de árbores da beirarrúa na marxe da estrada AC-552 á altura de Cillobre. Tamén se realizou unha intervención no salgueiro chorón e nas palmeiras da Praza do Concello, neste último caso incluíndo tanto o podado das ramas como a limpeza dos troncos.
A continuación actuarase en lugares como a área recreativa de Gabenlle e as prazas O Recreo e Maximino Canedo, dúas das zonas residencias máis importantes da capital municipal
A fase anterior –xa finalizada- desta campaña centrárase no campo da feira de Paiosaco, onde se levou a cabo unha ampla actuación que afectou a todas as árbores do recinto. Tamén se acometeron traballos puntuais deste tipo en prazas públicas das parroquias.
Deste xeito, ademais de comprobar que as árbores se atopan en bo estado de conservación, mellórase a estética nos puntos de actuación e, especialmente nas urbanas, protexerase aos vehículos e aos viandantes de posibles desprendementos das polas. No caso do campo da feira de Paiosaco tamén se facilita o desenvolvemento da actividade comercial que alí se leva a cabo no primeiro e no terceiro domingo de cada mes.