• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Adxudicado o proxecto de mellora da rede viaria en seis estradas municipais

01/03/2018

Na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe o Concello da Laracha adxudicou a obra de mellora da rede viaria que afecta a seis estradas de titularidade municipal que alcanzan, conxuntamente, unha lonxitude total de dous quilómetros e medio.

A fase máis ampla do proxecto é a renovación da superficie de rodadura da estrada que comunica os núcleos de Cercido (parroquia de Erboedo) e Revirente (Soandres). Ademais, na parroquia de Montemaior serán obxecto de actuacións de similares características tres vías locais en O Sopé, unha en A Trigueira e outra en Vilariño. 

Este proxecto está incluído no programa POS+ e suporá un investimento total superior aos 57.000 euros.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local acordou presentar dúas propostas de subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria. Unha delas faise ao abeiro do programa Aprol (DOG número 26 do 6 de febreiro), que ten por finalidade o fomento do emprego en áreas rurais. En concreto, a pretensión do Concello da Laracha é acollerse a esta iniciativa para contratar persoal que realizaría labores valoración forestal no termo municipal como silvicultura, biomasa e limpeza de montes.

A outra solicitude faise de acordo á convocatoria para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral (DOG número 28 do 8 de febreiro). Neste caso o propósito é cofinanciar a prestación dese servizo no Concello da Laracha durante o ano en curso.