• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O INSTITUTO DE ESTUDOS BERGANTIÑÁNS PRESENTARÁ O VENRES O SEU LIBRO DAS PARROQUIAS DE TORÁS, VILAÑO E CABOVILAÑO

22/02/2016

O Instituto de Estudos Bergantiñáns vén de finalizar o estudo, redacción, deseño e edición do seu último libro, que será a decimo sétima publicación da colección Andando por Bergantiños e está dedicada ás larachesas parroquias de Torás, Vilaño e Cabovilaño.   

Desde que en 1999 -precisamente cunha publicación centrada en Soandres- este Instituto iniciara a súa labor dirixida a dar a coñecer a bisbarra de Bergantiños a través das súas parroquias, cada ano dedica un libro e unha ruta a un municipio, e neste ano o da Laracha é o protagonista.   

O libro divídese en dúas partes. A primeira delas consiste nun estudo xeográfico, histórico e toponímico de cada unha das tres parroquia. Na segunda parte proponse a realización dunha ruta a pé para descubrir os elementos patrimoniais máis destacados. Neste caso o percorrido alcanza os oito quilómetros de distancia entre o núcleo de Cillobre (parroquia de Torás) e a Igrexa de San Román de Cabovilaño, pasando previamente polo castro de Gabenlle, a área recreativa e o paseo fluvial do Anllóns, a praza de Areosa xunto á Igrexa de Vilaño e o castro e o pazo de Montesclaros.   

A publicación foi elaborada polos historiadores Xan Fernández Carrera e Luís Giadás Álvarez; o avogado e historiador Juan Antonio Andrade Figueiras; o filólogo e especialista en toponimia Fernando Cabeza Quiles; o xeógrado Evaristo Domínguez Rial e o biólogo e xeólogo Antón García Losada.   

Agárdase a presenza de todos os autores, e tamén de representantes do goberno local da Laracha, no acto de presentación do libro, que terá lugar o venres 26 de febreiro a partir das 20:00 horas na Casa da Cultura da Laracha, nun acto aberto ao público en xeral e no que todos os asistentes serán obsequiados cunha copia da publicación.   

Ademais, o sábado 5 de marzo realizarase a ruta guiada que aparece na segunda parte do libro, estando prevista a saída ás 9:30 horas. Neste caso é imprescindible anotarse previamente.   

Desde o Concello da Laracha agradecemos o labor do Instituto de Estudos Bergantiñáns e mostramos o noso orgullo por ter colaborado cos autores na edición dos libros co obxectivo de dar a coñecer esa parte do noso municipio e axudar a poñer en valor o patrimonio histórico, natural e cultural das parroquias de Torás, Vilaño e Cabovilaño.

Compartir: