Concello
A terceira edición do concurso "A Laracha de Tapas" celebrarase do 9 ao 11 de marzo
24/02/2018
A Laracha de tapas volverá na fin de semana do venres 9 ao domingo 11 de marzo coa terceira edición deste certame que o Concello da Laracha organiza co obxectivo esencial de dinamizar o tecido comercial e hostaleiro do municipio, ademais de poñer e valor os produtos locais e o sector da restauración.
O Concello da Laracha realizou unha campaña para informar individualmente a todos os establecementos hostaleiros da capital municipal sobre a posibilidade de apuntarse e participar no evento. O prazo de inscrición rematará o mércores da semana que vén, día 28 de febreiro.
Tal e como estipulan as bases do certame, cada establecemento participante presentará unha única tapa orixinal, deseñada especificamente para o concurso, que deberá ter a disposición do público ao prezo de 1 euro (consumición aparte) nos seguintes horarios:
- Venres 9: de 20:00 a 00:00 horas.
- Sábado 10: de 11:30 a 15:00 horas e de 19:00 a 00:00 horas.
- Domingo 11: de 11:30 a 15:00 horas.
Todas as tapas terán un nome descritivo e serán elaboradas de xeito artesanal, incluíndo canda menos un produto galego autóctono de calidade.
A Laracha de tapas conta con dúas categorías de galardóns. O premio do xurado popular á mellor tapa está dotado con 200 euros e será decidido directamente polos clientes. Cada establecemento terá a disposición do público urnas pechadas e as papeletas para emitir as votacións, que deberán estar debidamente cubertas e contar co selo de tres locais, xa que para votar é imprescindible ter degustado tres tapas diferentes. A organización realizará, tamén, un sorteo de agasallos no que participarán automaticamente todos os clientes que voten á súa tapa favorita.
A categoría do xurado profesional contará cun primeiro (300 euros) e un segundo premio (250 euros). Os seus membros, seleccionados polo Concello, acudirán identificados a cada local para degustar as tapas, valorar e seleccionar as mellores creacións.
Para facilitar o desenvolvemento das tres xornadas do evento A Laracha de tapas e a información que se ofrecerá ao público, o Concello distribuirá un mapa de localización de todos os establecementos participantes, indicando as tapas que se ofrecen en cada un deles e o seu emprazamento.