• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello repoboa con castiñeiros micorrizados unha das zonas verdes do ámbito do parque empresarial

10/02/2018

Desde que se fixo realidade o proxecto de urbanización do parque empresarial da Laracha, o Concello sempre mostrou o seu compromiso de desenvolver actuacións dirixidas a poñer en valor o seu entorno, que conta cunha destacada riqueza medioambiental.

Todos os anos, coincidindo co remate da primavera e o verán, as cuadrillas municipais realizan unha limpeza da ampla área boscosa situada na zona sur do ámbito industrial, contigua ao río Quenxe. Trátase dunha zona de protección ambiental que posúe unha densa vexetación arbórea autóctona (entre as especies máis visibles, freixos, abeneiros, bidueiros e castiñeiros, entre outras) e que o Concello da Laracha mantén en boas condicións de conservación para uso e disfrute da veciñanza.

Agora o goberno local de un paso máis promovendo unha nova actuación dirixida a poñer en valor outra das áreas verdes do entorno do parque empresarial. Neste caso, o ámbito de actuación alcanza unha superficie duns 30.000 metros cadrados (3 hectáreas). O proxecto, que xa se está a desenvolver, consiste no seu repoboamento coa plantación dunha cifra próxima os trescentos castiñeiros micorrizados, que ademais de ser unha árbore frondosa e autóctona que produce froito, tamén favorecerán o crecemento de setas, especialmente de varios tipos de boletus.

O Concello da Laracha prevé continuar levando a cabo actuacións destas características noutras espazos verdes de titularidade pública. En 2017 realizárase unha intervención nunha parcela de titularidade municipal de 5.000 metros cadrados de superficie situada contigua á do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar. Nese caso as especies escollidas foran as nogueiras e as cerdeiras.