• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello solicita participar en diferentes convocatorias de subvencións da Xunta e Deputación

01/02/2018

Na reunión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe o Concello da Laracha acordou solicitar a súa participación en diferentes programas convocados pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña co propósito de captar fondos para mellorar infraestruturas públicas municipais, contratar persoal e cofinanciar a prestación dos servizos sociais comunitarios.

En canto a programas de investimento, o goberno local autorizou presentar catro proxectos á Xunta de Galicia.

Con cargo ao fondo de compensación ambiental, a través da liña de concorrencia non competitiva solicítase financiar a adquisición dos novos colectores de recollida de orgánicos, que serán implantados no termo municipal con motivo da adhesión do Concello da Laracha ao programa de reciclaxe a través da planta de compostaxe de SOGAMA. Ademais, na liña de concorrencia competitiva preséntase o proxecto para ampliar e mellorar a rede de saneamento no lugar de O Vilar (parroquia de Cabovilaño) instalando novas tubaxes de impulsión e un equipo de bombeo que permitirán conectar esta zona coa rede xeral e eliminar a depuradora existente neste lugar, optimizando deste xeito o servizo.

Ao abeiro do plan da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural sobre mellora de camiños municipais (DOG número 10 do 15 de xaneiro) , o Concello da Laracha presenta un proxecto cun orzamento próximo aos 100.000 euros que contemplara a renovación do pavimento da estrada desde Mirón (parroquia de Torás) ata o núcleo de Lestón (na parroquia do mesmo nome), incluíndo o ramal de acceso á zona da igrexa de San Martiño, e tamén dos lugares de Fragoso e San Cristovo, ambos na parroquia de Golmar.

En relación á convocatoria de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza sobre mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais (DOG número 5 do 8 de xaneiro), a actuación que se pretende cofinanciar é a renovación do parque infantil do campo da feira de Paiosaco no marco do plan que o Concello da Laracha está a desenvolver para mellorar este tipo de equipamentos, a través do que xa se realizaron actuacións nos do parque O Recreo e os CEIP Otero Pedrayo da Laracha e Alfredo Brañas de Paiosaco.

En canto a programas relacionados coa creación de emprego, acordouse solicitar a participación en dúas convocatorias da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Unha delas é a de fomento de emprego e mellora da empregabilidade (DOG número 8 do 11 de xaneiro), por medio da cal se pretende contratar o persoal para formar os equipos de socorrismo e salvamento na praia de Caión durante a próxima temporada de verán. A outra proposta relacionada coa creación de emprego faise ao abeiro da convocatoria para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga. O goberno local prevé formar un grupo de peóns para o desenvolvemento de traballos relacionados co mantemento en bo estado dos entornos naturais e a conservación da riqueza medioambiental.

Por outra parte, tamén se solicitará a participación na convocatoria da Deputación Provincial da Coruña dirixida a cooperar coas entidades locais na execución das súas competencias en materia de prestación dos servizos sociais comunitarios. O Concello da Laracha pretende acollerse a dúas liñas de subvencións, en concreto as relacionadas co cofinanciamento dos gastos de parte do persoal administrativo e técnico adscrito a ese departamento e, tamén, do servizo de axuda no fogar por libre concorrencia.

Salientar, por último, que na Xunta de Goberno Local foron concedidas dúas licencias urbanísticas.