O PRESIDENTE DE PORTOS DE GALICIA VISITA CAIÓN PARA INTERESARSE POLOS DANOS PROVOCADOS POLO TEMPORAL
22/02/2016
O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, reuniuse o xoves 18 de febreiro en Caión cunha ampla representación do goberno local do Concello da Laracha –encabezada polo alcalde, José Manuel López Varela- e membros da Confraría de Pescadores da localidade. O encontro enmárcase na serie de visitas que Durán está a realizar aos peiraos afectados polo forte temporal que azoutou a costa galega durante os últimos días.
No porto de Caión as incidencias de maior entidade producíronse no extremo exterior do dique de abrigo, na que é a zona máis exposta á ondada. Por tanto, para coñecer o alcance dos danos é necesario realizar unha inspección desde o mar.
José Juan Durán comprometeuse a que, tan pronto como as condicións climatolóxicas e marítimas o permitan, técnicos de Portos de Galicia desprazaranse a Caión para ver, comprobar, avaliar e, por último, proceder a reparar os danos á maior celeridade posible.
Tamén se detectaron outra sería de incidencias de menor entidade nesa mesma zona do dique de abrigo, consistentes neste caso na rotura da varanda de protección e das arquetas metálicas dos sumidoiros. En ambos casos os elementos deteriorados serán substituídos para garantir a seguridade dos peóns neste lugar.
Desde o Concello da Laracha agradecemos o interese do presidente de Portos de Galicia en coñecer persoalmente a situación do peirao caionés e o seu compromiso de resolver os danos no máis breve espazo de tempo.