• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello instalará nos cascos urbanos colectores para a recollida de roupa, téxtiles e calzado

03/02/2018

O Concello da Laracha porá a disposición da veciñanza colectores para a recollida selectiva de roupa, téxtiles e calzado que serán implantados en diferentes localizacións estratéxicas dos cascos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión.

Actualmente este servizo vense prestando en edificios de titularidade municipal. Cos novos equipamentos, que estarán dispoñibles nos próximos días, ofrecerase á cidadanía un sistema máis próximo, cómodo e sen horarios para desprenderse dese tipo de materiais –que non poden ser depositados nos colectores de residuos xenéricos- e facilitar a súa reciclaxe.

Para un óptimo funcionamento do servizo, o material –roupa de vestir, de cama, calzado ou calquera téxtil, quedando excluídos xoguetes e outros obxectos- que sexa depositado nos novos colectores, deberá ir introducido en bolsas de plástico.

Nunha primeira fase serán instalados tres colectores no casco urbano da Laracha (rúa Arxentina, Avenida Fisterra xunto ao edificio de usos administrativos e rúa Rosalía de Castro fronte ao complexo da piscina municipal da Laracha), dous Paiosaco (no campo da feira e na rúa Porta Santa, xunto ao centro sociocultural) e un en Caión (A Ínsua).