• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello mellora a sinalización viaria nos tres núcleos urbanos e en estradas rurais

31/01/2018

O Concello da Laracha está a desenvolver un amplo proxecto de mellora da sinalización viaria que afecta a diferentes puntos do termo municipal e que supón un investimento superior aos 30.000 euros.

Contémplanse actuacións  nos cascos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión, así como en estradas rurais das parroquias de Cabovilaño, Soandres e Montemaior. A finalidade é reforzar a información que se ofrece nestas vías e facilitar a súa percepción por parte dos condutores e dos peóns, xa que os ámbitos principais das actuacións sitúanse en zonas residenciais. 

A sinalización horizontal prevista consiste no repintado das marcas viarias, cebreados, isletas e pasos para peóns, facendo especial fincapé nos cruces. É o caso do punto de confluencia entre a rúa Eusebio Bértoa Queijo e a Avenida Fisterra, no casco urbano da capital municipal, onde foron repintadas dúas sinais de stop ademais doutras marcas viarias.

A sinalización vertical inclúe a renovación de indicadores deteriorados e a instalación doutros novos nos puntos da rede de estradas que así o requiran. 

Este proxecto, cofinanciado con fondos do POS+, é unha das actuacións desenvolvidas polo Concello da Laracha no marco do plan de mellora e mantemento da rede viaria, que se marca como obxectivo reforzar a seguridade e conservar en bo estado os máis de 600 quilómetros lineais de estradas públicas que existen no termo municipal.