Concello
O Pleno aproba delegar na Xunta de Galicia os procesos selectivos para a contratación de Policías Locais
25/01/2018
O Pleno do Concello da Laracha celebrou hoxe a sesión ordinaria correspondente ao mes de xaneiro. Foi presidida por José Ramón Martínez Barbeito ao non poder asistir o alcalde, José Manuel López Varela, por atoparse en Rusia participando no proxecto europeo Empredurismo Social: Innovación & Desarrollo xunto aos edís Jesús Souto e Rocío López, que tamén escusaron a súa ausencia, como o concelleiro do grupo socialista Juan Caamaño.
Tal e como é habitual nos Plenos ordinarios, a sesión comezou gardando un minuto de silencio en sinal de recordo ás mulleres vítimas da violencia de xénero. Xa no desenvolvemento dos puntos da orde do día, a cuestión de maior relevancia foi a aprobación –coa única abstención do grupo dos nacionalistas- do convenio de colaboración que permitirá delegar na Xunta de Galicia a convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías de corpos da Policía Local. Para este ano 2018 a medida afectaría soamente á creación das dúas prazas de Policía Local como funcionarios de carreira previstas nos orzamentos xerais municipais. Como explicou José Ramón Martínez Barbeito, por cuestións de prazos a selección dos auxiliares de Policía Local –que se contratarán por un período de seis meses- será realizada polo Concello da Laracha seguindo o procedemento habitual de anteriores exercicios.
Por unanimidade aprobouse a modificación do acordo alcanzado no Pleno do pasado 19 de decembro sobre o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS+ 2018) co obxecto de corrixir un erro material detectado.
Na sesión tamén se deu conta das 82 resolucións de Alcaldía aprobadas desde o último Pleno, así como do informe do período medio de pagamento a provedores no cuarto trimestre de 2017, que reflicte que o abono das facturas se realizou reducindo os prazos con respecto ao trimestre anterior e adiantándose ao período establecido polo Ministerio de Hacienda y Función Pública na Lei de Estabilidad Presupuestaria y Sostenibilidad Financiera.
Por último, salientar a aprobación dunha moción promovida polo grupo de goberno –Partido Popular- na que se propón que o Concello da Laracha mostre o seu apoio á figura da prisión permanente revisable. A iniciativa foi rexeitada polos tres grupos da oposición –socialista, nacionalista e mixto-.