• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Avanzan as obras de humanización da Praza Eduardo Vila Fano de Caión

19/01/2018

A execución do proxecto de humanización da praza Eduardo Vila Fano de Caión está a pleno rendemento, tal e como puideron comprobar o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de obras, Jesús Souto, nunha visita realizada ao lugar no que se están a desenvolver as obras.

Este proxecto foi deseñado con dous obxectivos prioritarios, diferentes pero complementarios. Por unha banda, mellorar o pavimento instalando un novo de pedra para adecualo á importancia do lugar no que Caión recibe aos seus veciños e visitantes, ademais de albergar edificios históricos como a Igrexa parroquial da Nosa Señora do Socorro e o pazo dos Condes de Graxal. Por outro lado, reordenar os espazos para optimizar o seu uso, facendo a praza máis cómoda tanto para a circulación dos vehículos como para o tránsito peonil e, tamén, máis atraínte para os establecementos comerciais da zona, estando prevista a mellora da sinalización e da iluminación pública.

O ámbito de actuación supera os dous mil metros cadrados, incluíndo toda a superficie da praza e a súa primeira travesía que a comunica directamente coa praza de A Ribeira. A primeira fase lévase a cabo na zona máis afastada á entrada desde a Avenida da Laracha, é dicir, fronte o Pazo de Graxal e o acceso ao Rueiro das Figueiras. A continuación iranse realizando idénticos traballos no resto da praza, sempre atendendo ao plan específico de tráfico consensuado entre a dirección de obra e a Policía Local da Laracha para garantir que as comunicacións rodadas sexan fluídas coas zonas do paseo marítimo, o porto e A Ínsua e, deste xeito, minorar as molestias que as obras poidan provocar á veciñanza nun punto tan céntrico da vila.

O proxecto está valorado en 160.000 euros e é cofinanciado entre o Concello da Laracha e a Deputación Provincial da Coruña.