• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O XEFE TERRITORIAL DE EDUCACIÓN VISITA OS COLEXIOS DA LARACHA, PAIOSACO E CAIÓN

22/02/2016

O xefe territorial de Educación na provincia da Coruña, Indalecio Cabana, realizou unha visita aos tres colexios máis importantes de ensino infantil e primario que existen no Concello da Laracha, onde se reuniu cos equipos directivos e representantes do goberno local –entre os que se atopaban o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Educación, Patricia Bello- co obxectivo de coñecer persoalmente as principais necesidades dos centros.

En primeiro lugar desprazouse ata o CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha para interesarse polas obras de construción da grada e a cuberta do pavillón polideportivo, que están na súa fase final. Unha vez estea rematado este proxecto, procederase á creación da pista da nova instalación, actuación para a que Indalecio Cabana anunciou o compromiso de cofinanciamento por parte da Xunta de Galicia.   

No colexio larachés a comitiva tamén visitou o novo edificio de infantil recentemente creado e no que se iniciou a actividade no pasado mes de xaneiro, tralas vacacións de Nadal.   

A continuación desprazáronse ao CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, onde a directora explicou a necesidade de reforzar a cobertura de telecomunicacións para recibir con estabilidade o servizo de banda larga de Internet para poder desenvolver con calidade a ensinanza que os alumnos reciben na aula de informática.   

No caso do CEIP de Caión Indalecio Cabana visitou a aula acondicionada recentemente como comedor e tamén comprometeu a cesión por parte da Xunta de Galicia de novos equipos completos para a aula de informática.   

En todos os casos os equipos directivos trasladaron tanto ao xefe territorial de Educación como a representantes municipais outra serie de cuestións de menor entidade, tamén relacionadas co funcionamento dos centros e melloras puntuais nas instalacións, ás que as dúas administracións, no marco das súas correspondentes competencias, darán resposta á maior celeridade.

Compartir: