• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Directora xeral de Turismo visita A Laracha para interesarse polo proxecto de mellora da sinalización de recursos

04/01/2018

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou hoxe as melloras executadas na sinalización de recursos do Concello da Laracha, unha actuación posible grazas ao financiamento do Goberno autonómico.

En compañía do alcalde, José Manuel López Varela, e dos concelleiros José Ramón Martínez Barbeito, Jesús Souto e Patricia Bello, a directora percorreu a Praza do Concello, o campo da feira de Paiosaco e a área recreativa de Gabenlle, zonas nas que se instalaron novos paneis e indicadores que ofrecen información de calidade aos viaxeiros e lles facilitan a súa visita, garantindo dese xeito unha boa experiencia na súa estadía, unha aposta pola que Nava Castro felicitou ao rexedor e ao resto do seu equipo.

Nava Castro referendou o compromiso do seu departamento coa Costa da Morte, un destino onde o peso dos viaxeiros internacionais é xa do 37%. A directora puxo en valor os rexistros turísticos acadados nesta zona en 2017, período no que a demanda medrou máis dun 17%. En concreto, as noites de hotel rozaron as 275.000 e os turistas superaron os 136.000. 

Parámetros relevantes como a estadía media e ocupación experimentaron unha evolución moi positiva, con crecementos do 15% no primeiro caso e de 8,7 puntos no segundo.