• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello amplía a rede de abastecemento para dar servizo a outros dous núcleos de Coiro

27/12/2017

O Concello da Laracha está a acometer unha nova actuación dirixida a ampliar a cobertura de abastecemento de auga na parroquia de Coiro. Neste caso os núcleos aos que se levará o servizo son A Riba e A Lourenceira, sendo precisa a canalización soterrada duns 850 metros de tubaxe.

Trátase da segunda fase da obra de similares características desenvolvida a principios de mes e coa que se dotou coa traída de auga aos núcleos de Revirente (Soandres) e A Ameixeira (Coiro). En total, entre as dúas actuacións o Concello da Laracha inviste en torno a 36.000 euros a financiar integramente con fondos propios.

Segundo os datos do padrón municipal de habitantes, beneficiaranse destes proxectos medio centenar de persoas, ás que se lles ofrecerá a posibilidade de conectar as súas vivendas á rede xeral do subministro de auga. 

A ampliación das redes de abastecemento de auga e, por tanto, o aumento na cobertura do servizo nas parroquias, son actuacións que se desenvolven con certa frecuencia no Concello da Laracha por ser considerados polo goberno municipal investimentos prioritarios. O obxectivo é mellorar a calidade de vida dos veciños residentes na zona rural, na que existen máis de trescentos núcleos de poboación.