O ALCALDE RECIBE NO CONCELLO A NOELIA LOUREIRO, CAMPIOA DE ESPAÑA XUVENIL DE SALVAMENTO EN 100 METROS COMBINADA
03/03/2016
Nos Campionatos de España de inverno de socorrismo e salvamento acuático nas categorías xuvenil, júnior e absoluto celebrados na localidade alacantina de Torrevieja na fin de semana do 27 e 28 de febreiro volveuse demostrar que o Concello da Laracha é unha potencia nacional neste deporte.
O Club de Salvamento e Socorrismo da Laracha (SAL) participou con seis deportistas neste evento. O éxito máis destacado foi o logrado por Noelia Loureiro Serrano, que se proclamou campioa de España na proba 100 metros combinada en xuvenil feminino, marcando ademais o récord galego cun tempo de 1:25.74.
Noelia obtivo outra medalla nos campionatos, neste caso de bronce, ao rematar terceira en 50 metros arrastre maniquí. O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de deportes, Patricia Bello, recibírona no Concello da Laracha para felicitala polos seus excelentes resultados e facerlle entrega dun agasallo en nome da Corporación municipal.
O rexedor municipal tamén aproveitou a ocasión para citar outros bos resultados, neste caso a nivel colectivo, do SAL. O equipo absoluto masculino, formado por Iván Lobelle, José Enrique Ramilo, Borja Díez e Diego Cascallar, foi sétimo de España en 4x25 relevo maniquí e en 4x50 tubo rescate (logrando o récord galego nesta modalidade) e décimos clasificados en lanzamento de corda e 4x50 obstáculos. Na clasificación xeral, o SAL quedou 11º tanto en categoría masculina absoluta como en xuvenil feminina.
López Varela remitiu unha carta de felicitación á presidenta do SAL para felicitala polos resultados individuais e colectivos do club e, sobre todo, para valorar o labor que realiza a directiva, adestradores, deportistas e colaboradores da entidade ao longo de todo o ano na promoción desta disciplina deportiva. Nos próximos días haberá tamén unha recepción oficial ao club SAL no Concello.