• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Acordo unánime do pleno para adquirir as primeiras parcelas do Castro de Montesclaros

22/12/2017

O Pleno da Corporación municipal da Laracha reuniuse hoxe nunha sesión extraordinaria e urxente presidida por José Ramón Martínez Barbeito ao escusar a súa ausencia o alcalde, José Manuel López Varela. Tampouco asistiron a concelleira do grupo de goberno Ana Belén Rodríguez Vilas e o edil do grupo mixto Antonio Antelo.

A unanimidade nos acordos foi predominante na sesión. Os tres grupos presentes mostráronse a favor de adquirir por mutuo acordo cos propietarios a sección de dúas parcelas catastrais nas que sitúa parte do Castro de Montesclaros e que, por tanto, están afectadas polo plan de posta en valor do patrimonio cultural municipal. Ao tratarse de bens de carácter histórico-artístico, é o Pleno o órgano competente para aprobar un convenio destas características. Tralo acordo de hoxe, o Concello da Laracha investirá algo máis de 20.000 euros na compra dos primeiros 13.500 metros cadrados de superficie do castro. Trátase soamente da operación inicial que, tal e como explicou José Ramón Martínez Barbeito, “se levará a cabo nestes días aproveitando que algúns dos propietarios, que viven no estranxeiro, estarán na Laracha con motivo da celebración das festas do Nadal”. O tenente alcalde adiantou que o goberno local ten avanzados acordos de similares características para comprar o resto dos terreos que albergan o Castro de Montesclaros.

Tamén houbo unanimidade na solicitude de declaración da Romaría dos Milagres de Caión como Festa de Interese Turístico Nacional, un recoñecemento que permitiría abrir novas vías para promocionala nos ámbitos estatal e internacional e que sería un impulso para a captación de visitantes que favorezan o desenvolvemento económico de Caión en particular e do Concello da Laracha en xeral. O acordo do Pleno será trasladado á Axencia de Turismo de Galicia para, posteriormente, remitir a proposta á Subdirección General de Planificación y Sostenibilidad da Dirección General del Instituto de Turismo de España, organismo -dependente do Ministerio de Energía, Turismo y Agenda Digital- competente para declarar as Festas de Interese Turístico Nacional.

O Pleno tamén autorizou -neste caso coas abstencións dos grupos dos socialistas e dos nacionalistas- o recoñecemento extraxudicial da factura referida á certificación da liquidación da obra de pavimentación dos accesos ao parque empresarial da Laracha, cuxo importe ascende a 2.735,36 euros. A actuación, que foi executada no ano pasado, será abonada con cargo ao orzamento do actual exercicio económico.

Antes de levantar a sesión, José Ramón Martínez Barbeito aproveitou a ocasión para desexar unha feliz Noiteboa e bo Nadal a todos os concelleiros da Corporación.