• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aprobada por unanimidade a proposta do goberno local para destinar os fondos do POS+ 2018

19/12/2017

O Pleno do Concello da Laracha aprobou hoxe, por unanimidade dos catro grupos políticos, a proposta do equipo de goberno para destinar os fondos do plan provincial POS+ 2018.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, iniciou a sesión explicando que foi preciso acudir á vía de urxencia na convocatoria do Pleno –tamén aprobada por unanimidade- por causa da complexa tramitación que require o programa para os departamentos municipais de intervención, secretaría e urbanismo, que “xa viñan asumindo un importante volume de traballo debido aos procedementos de contratación das obras que se están a financiar co remanente e superávit do exercicio anterior”. 

Con cargo ao POS+ 2018 o Concello da Laracha percibirá un total de 1.100.587,52 euros divididos en tres tipos de achegas diferentes. Por unha parte, 383.757,49 euros corresponden á aportación para a execución de obras. Outros 340.313,25 son o préstamo provincial para o financiamento de proxecto de mellora das infraestruturas públicas municipais. Por último, 376.516,78 euros destinaranse a gasto corrente, o que segundo o alcalde permitirá, como en anos anteriores, “liberar fondos municipais e poder dispoñer deles cunha maior axilidade nos trámites administrativos”. Ademais, inclúense no POS+ 2018 Complementario proxectos por valor doutros 314.000 euros.

As actuacións que o Concello da Laracha prevé desenvolver, incluíndo as que se financiarán directamente cos fondos do programa, as que se acometerán con cargo ao préstamo provincial e tamén as contempladas no POS+ Complementario, suman un orzamento total de máis de un millóns de euros e teñen por finalidade a mellora da rede viaria municipal tanto no rural como nos núcleos urbanos. A relación completa de obras que se desenvolverán nas trece parroquias do municipio é a seguinte:

  • Parroquia de Cabovilaño: estradas en Arén, Xeriz e A Fraga-A Barreira.
  • Parroquia de Coiro: estradas O Coto-O Rapadoiro e Novás-Gudís.
  • Parroquia de Erboedo: estradas A Fontela-límite con Arteixo e A Fraga-Vista Alegre.
  • Parroquia de Golmar: estradas en Fragoso e San Cristovo
  • Parroquias de Soutullo e Golmar: O Igrexario de Golmar-A Xesta e O Regueiro-Gosende.
  • Parroquia de Lemaio: estradas en O Igrexario, A Fraga-Tuixe e O Igrexario-O Ramo.
  • Parroquia de Lendo: estrada A Xesteira-O Ramo.
  • Parroquia de Montemaior: estradas en O Penedo, Santa Margarida e Cumiáns-O Igrexario.
  • Parroquia de Soandres: accesos a A Insuboa, Maúnlle e As Salgueiras e estradas en Paradela, A Xesta-Os Bidueiros e Paradela-AC 400
  • Parroquia de Vilaño: estradas en A Panela, Marfulo, Fonte da Canle, Quintáns e Quintáns-A Ribela.
  • Parroquia de Torás (núcleo urbano da Laracha): estradas en A Ganduma, Estramil-DP1913, segunda e terceira travesías Eusebio Bértoa Queijo, terceira travesía Doutor López Astray e sinalización na Avenida Fisterra.
  • Parroquia de Caión: mellora na Avenida Méndez Núñez.
  • Parroquia de Lestón (núcleo urbano de Paiosaco): melloras na pavimentación e sinalización da Avenida Bergantiños.

José Manuel López Varela fixo unha exposición detallada de cada un dos proxectos, explicando aos concelleiros da Corporación todos os puntos nos que se actuará e detallando o orzamento de cada unha das actuacións.

Antes de levantar a sesión, o rexedor local tamén avanzou que a próxima semana será convocado outro Pleno ao que se elevarán orzamentos xerais municipais para o exercicio 2018.