Concello
O Concello renova os parques infantís da Praza O Recreo e dos colexios da Laracha e de Paiosaco
20/12/2017
O Concello da Laracha iniciou o desenvolvemento de tres proxectos dirixidos a renovar os parques infantís situados en puntos estratéxicos do municipio: os dos colexios da Laracha e de Paiosaco e tamén o da praza O Recreo.
A actuación máis ampla está a ser realizada no CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha, onde se renovará por completo o parque infantil da entrada principal ao centro pola rúa José Añón. De acordo co equipo directivo do colexio, o areeiro existente nese lugar foi eliminado e ese espazo incorporarase á zona de xogos dotándoo, ademais, cun pavimento de losetas de caucho como elemento de seguridade para atenuar as posibles caídas dos usuarios. A infraestrutura aumentará a súa superficie nun sesenta por cento e alcanzará os 365 metros cadrados tralas actuacións (ata o de agora contaba con 225), espazo no que están a ser instalados novos xogos infantís cooperativos de maior capacidade que os dispoñibles anteriormente e que posibilitarán o uso simultáneo de máis de medio centenar de nenos. Fronte a este equipamento no que se está a actuar existe outro parque infantil -xunto ao acceso ao edificio de infantil recentemente construído- que ten unha superficie de 170 metros cadrados.
Tamén o CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco será obxecto durante os próximos días dunha obra que contempla a renovación do pavimento, a reparación de xogos e a colocación de novas estruturas para uso e disfrute dos alumnos do centro, optando tamén por aquelas que ofrezan unha maior capacidade de usuarios. Os traballos realizaranse aproveitando as vacacións de Nadal no colexio.
Actuación de similares características está a ser realizada na praza O Recreo, situada nunha das zonas residenciais e comerciais máis destacadas da capital municipal da Laracha na que, ademais, se concentran infraestruturas públicas como o IES Agra de Leborís, a Casa da Cultura, a biblioteca e o complexo deportivo da piscina municipal.
Cada un dos proxectos está valorado nuns 25.000 euros, polo que o investimento total situarase en torno aos 75.000 euros. O financiamento será asumido integramente polo Concello da Laracha con fondos propios municipais.